Autodeterminación, sexo e poder político. Quen pode decidir?
Reproducimos aquí este artigo da nosa compañeira María Loureiro, publicado orixinalmente en praza.com.
Autodeterminación, sexo e poder político. Quen pode decidir?
«Do mesmo xeito que defendemos o dereito do pobo galego a decidir, debemos loitar pola libre autodeterminación do xénero».
O discurso nacionalista repite a cotío esta equiparación, expresada de diferentes maneiras. «Dereito a decidir» ou «libre autodeterminación» forman parte dun vocabulario nado para expresar a soberanía e o poder político e dar resposta á vontade colectiva dun pobo, pero agora úsanse tamén para defender o recoñecemento xurídico dunha identidade individual de carácter subxectivo. Dando un paso máis, as fórmulas «dereito a ser» ou «dereito a existir», utilizadas de forma recorrente, introducen unha metáfora existencialista e converten un debate sobre categorías materiais e dereitos nunha cuestión sobre a existencia das persoas.
Aínda que as operacións se nomeen coas mesmas expresións, as diferenzas entre a autodeterminación política e a de xénero son evidentes. A primeira diferenza está na natureza do suxeito: na autodeterminación dun pobo o suxeito é colectivo e social, mentres que na de xénero é individual. Máis profunda é a diferenza no que se decide en cada caso: o pobo decide sobre o seu estatuto político e, no caso do individuo, unha identidade subxectiva permite modificar a mención rexistral do sexo, unha categoría obxectiva distinta. Non son o mesmo.
Podería obxectarse que tamén a nación contén unha dimensión subxectiva. É certo, pero esa conciencia nacional ou vontade de ser baséase nun territorio, unha lingua, unha historia, unhas institucións e unhas relacións sociais concretas. A «identidade de xénero», pola contra, non ten nada similar fóra da propia declaración da persoa e, cando se intenta xustificar, recórrese a estereotipos sexistas ou a esencias metafísicas.
Por outra banda, ese «dereito a decidir» que proclaman non é universal. Defenden que calquera individuo poida elixir sen xustificación ningunha a que categoría pertence. Pero cando as mulleres definimos a nosa categoría pola realidade material do sexo, chámannos excluíntes ou mesmo fóbicas e négannos ese mesmo dereito a decidir. Esa asimetría revela unha xerarquía política que marca quen pode decidir e quen non e con que criterios.
Para o conxunto das mulleres, o efecto é xustamente o contrario do que proclaman para os individuos. O sexo non se elixe, constátase. E importa. Sobre a diferenza sexual constrúense a desigualdade e a opresión das mulleres, e é esa realidade material a que nos permite recoñecer intereses comúns e organizarnos como clase sexual para combater a subordinación. A colonización da categoría muller debilita esa capacidade.
Se hai algunha semellanza coa autodeterminación dos pobos, está precisamente na capacidade dun suxeito colectivo para decidir sen tutelas. E un individuo non é, por definición, un suxeito colectivo. As mulleres si. A única autodeterminación que precisamos é política. Queremos decidir por nós mesmas, organizarnos libremente e defender os nosos dereitos cando pretenden subordinalos a desexos e sentimentos individuais alleos.
Deberían pensalo antes de lanzar proclamas. Ningunha autodeterminación dun pobo pode chamarse emancipadora a costa da perda de liberdade política das mulleres que o formamos.
