Organizacións abolicionistas de Vigo esiximos unha ordenanza que penalice a demanda e o proxenetismo e protexa as vítimas.
A Asociación de Mulleres As Silveiras, xunto con outras organizacións feministas de Vigo comprometidas coa defensa dos dereitos das mulleres e coa erradicación das formas de violencia machista, presenta as seguintes achegas á consulta pública previa aberta polo Concello de Vigo.
As propostas parten dun marco inequivocamente abolicionista e inscríbense nas propostas desenvolvidas pola Plataforma Estatal de Organizaciones de Mujeres por la Abolición de la Prostitución (PAP), impulsora da Proposta de Lei Orgánica Abolicionista do Sistema Prostitucional (LOASP), trasladando os seus principios e obxectivos ao ámbito das competencias municipais.
I. Problemas que se pretenden solucionar
A prostitución e as demais formas de explotación sexual constitúen formas de violencia contra as mulleres e vulneracións dos seus dereitos, sustentadas na desigualdade estrutural entre mulleres e homes.
O sistema prostitucional mantense pola demanda e pola actuación de proxenetas e doutras persoas ou entidades que promoven, favorecen, facilitan ou se benefician da prostitución e da explotación sexual. Estas actividades non se limitan ao espazo público, senón que se producen tamén en locais, establecementos, vivendas, pisos e outros inmobles.
A súa normalización social, a publicidade prostitucional, a pornografía, a cousificación sexual das mulleres e a captación alimentan e reproducen este sistema.
A resposta municipal debe dirixirse contra quen sostén o sistema prostitucional, cara á concienciación social e desactivación da demanda e situar as mulleres en situación de prostitución no ámbito da protección e dos dereitos, garantindo atención, reparación e alternativas reais de saída.
II. Necesidade e oportunidade da aprobación
Os concellos, como administracións máis próximas á cidadanía, desempeñan un papel fundamental na promoción da igualdade, na prevención da violencia contra as mulleres e na protección e atención das vítimas.
A aprobación da Ordenanza Municipal Abolicionista contra a Prostitución e a Explotación Sexual permitirá articular nun marco estable, coherente e xuridicamente seguro as competencias e potestades municipais para actuar contra o sistema prostitucional e garantir unha política integral de protección, reparación e saída para as mulleres.
III. Obxectivos que debe perseguir a ordenanza
A futura Ordenanza debe ter como finalidade avanzar, dentro das competencias municipais, cara á abolición do sistema prostitucional e incorporar os seguintes obxectivos e medidas:
1. Abolición do sistema prostitucional e desactivación da demanda
A Ordenanza debe recoñecer a prostitución como unha forma de violencia contra as mulleres sustentada na desigualdade estrutural entre os sexos e establecer como finalidade a abolición do sistema prostitucional.
A actuación municipal debe situar a demanda como elemento esencial para a existencia e permanencia deste sistema e actuar, dentro das competencias municipais, contra os demandantes de prostitución, o proxenetismo e as condutas que promoven, favorecen ou facilitan a prostitución e a explotación sexual, incluídas a intermediación e a publicidade prostitucional.
2. Dereitos, protección, reparación e alternativas para as mulleres
As mulleres en situación de prostitución e sobreviventes do sistema prostitucional, incluídas as vítimas de trata con fins de explotación sexual, deben ser recoñecidas como vítimas e titulares de dereitos e non ser sancionadas por condutas derivadas da súa situación de prostitución ou explotación sexual.
Debe garantirse o acceso á protección, atención e reparación sen esixir denuncia previa nin colaboración cunha investigación penal, así como aos recursos sociais, sanitarios, psicolóxicos, xurídicos, económicos, formativos, laborais e residenciais necesarios para favorecer a súa autonomía e saída da prostitución.
A actuación respecto das persoas menores de idade en situación de prostitución ou explotación sexual debe orientarse á súa protección integral, atención e reparación, conforme ao seu interese superior.
3. Utilización efectiva das competencias municipais
A actuación municipal non debe limitarse ao espazo público. Ante indicios de prostitución ou explotación sexual en locais, establecementos, vivendas, pisos ou outros inmobles, o Concello debe exercer as potestades que legalmente lle correspondan, priorizando en todo caso a protección e asistencia das mulleres afectadas e comunicando ás autoridades competentes os feitos que poidan ser constitutivos de delito.
A perspectiva abolicionista debe incorporarse tamén á publicidade, á contratación, ás subvencións, aos convenios e ao control das actividades, impedindo que os recursos ou instrumentos municipais favorezan o sistema prostitucional. A Ordenanza debe establecer, ademais, un réxime sancionador claro e proporcionado dirixido contra a demanda e as condutas que sosteñen este sistema, nunca contra as mulleres en situación de prostitución.
4. Política municipal integral e estable
A actuación normativa debe acompañarse dun Plan Municipal contra a Trata e a Explotación Sexual e pola Abolición da Prostitución, dotado dos recursos económicos e profesionais necesarios para articular as medidas de prevención, detección, protección, atención integral, reparación, saída da prostitución e desactivación da demanda.
A política municipal debe incluír tamén prevención e sensibilización, especialmente entre a poboación nova; actuacións educativas e de prevención da captación; formación especializada do persoal dos servizos públicos; coordinación con outras administracións e municipios; e mecanismos de seguimento e avaliación que permitan valorar a eficacia das medidas adoptadas.
IV. Alternativas regulatorias e non regulatorias
As medidas non regulatorias de prevención, sensibilización, formación, atención e coordinación son necesarias, pero non substitúen a regulación das condutas sobre as que o Concello debe exercer as súas potestades de control e sanción.
Por iso, consideramos necesaria a aprobación da Ordenanza Municipal Abolicionista, complementada polo Plan Municipal contra a Trata e a Explotación Sexual e pola Abolición da Prostitución e polas demais políticas municipais necesarias para o seu desenvolvemento.
V. Solicitude final
As asociacións asinantes solicitamos ao Concello de Vigo que a futura Ordenanza Municipal Abolicionista contra a Prostitución e a Explotación Sexual incorpore os principios, obxectivos e medidas expostos neste documento e utilice plenamente as competencias municipais para avanzar cara á abolición do sistema prostitucional.
A Ordenanza debe combinar unha actuación decidida sobre a demanda, o proxenetismo e as condutas que sosteñen o sistema prostitucional cunha política integral que sitúe no centro os dereitos, a protección, a reparación, a autonomía e as alternativas reais de saída para as mulleres.
Como desenvolvemento destas achegas, acompáñase como Anexo I unha proposta articulada de Ordenanza Municipal Abolicionista contra a Prostitución e a Explotación Sexual, elaborada colectivamente desde o movemento feminista abolicionista e destinada a concretar normativamente os principios, obxectivos e medidas aquí propostos dentro do ámbito das competencias municipais.
