Non aceptamos máis inxurias e calumnias
As entidades convocantes da concentración do 21 de xuño en Vigo, co lema “A lei trans é inconstitucional, é anticientífica, antifeminista e antidemocrática”, DENUNCIAMOS a publicación nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia de declaracións difamatorias da asociación Nós Mesmas cara ás nosas organizacións. As novas publicadas con contidos difamatorios, inxurias e calumnias son:
- Faro de Vigo 27/06/2025: “La manifestación del orgullo en Vigo será autogestionada, crítica e inclusiva ”, asinada por Patricia Casteleiro
- Faro de Vigo 28/06/2025: “Una marea humana clama en Vigo por los derechos LGTBIQ+ ” asinada por Carlos Ponce
- La Voz de Galicia 1/07/2025: “Vigo se sumó a la reivindicación de las personas LGTBI+” asinado por Jorge Lamas
As acusacións publicadas nestes artigos son difamatorias e incorren nos delitos de inxurias e calumnias, pois nos presentan como organizacións “que atacan dereitos”, nos acusan de difundir “discursos de odio” e “discursos e actuacións transfóbicas”, e incluso difunden as gravísimas acusacións de provocar agresións e asasinatos (din expresamente: “tradúcense en agresións e asasinatos como o de Samuel”, “poñen en risco as nosas vidas”), o cal é inaceptable. As publicacións teñen unha clara intención de desacreditar o noso labor como feministas e de transmitir que somos responsables de agresións. Lamentablemente, en ningunha das publicacións se intentou contactar coas organizacións aludidas para permitirnos defendernos. Tampouco obtivemos resposta ao burofax enviado ao Faro de Vigo o 1 de xullo para esixir unha rectificación do publicado.
ACLARAMOS que somos organizacións feministas que de ningunha maneira nos dedicamos a atacar a persoas, senón que desde un posicionamento ideolóxico, político e feminista analizamos a opresión á que estamos sometidas as mulleres no sistema patriarcal, loitamos pola emancipación de todas as nenas e mulleres e por acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Estas accións realizámolas sempre desde os principios e liberdades democráticas.
Manifestámonos contra a “Lei Trans”, non polo impulso de emocións ou sentimentos de odio ou fobia, senón pola análise feminista, que rexeita que as ideas esencialistas, metafísicas e individualistas sobre a “identidade de xénero” se convirtan na base do dereito e das políticas públicas, conculcando os dereitos das mulleres. Estas políticas borran a muller como suxeito específico de dereitos, con consecuencias como a anulación das políticas contra a violencia machista, perda de espazos protexidos, inxustiza no deporte feminino, estatísticas non fiables, etc. Tamén vulneran o principio de xerarquía normativa, vulneran o dereito á liberdade de expresión e desprotexen as persoas que rexeitan o seu corpo, empurrándoas cara á transición con graves consecuencias para a súa saúde, o cal é especialmente grave nas e nos menores.
Non aceptamos acusacións difamatorias, inxurias e calumnias cara ás organizacións feministas abolicionistas, veñan de asociacións, medios de comunicación ou representantes de partidos políticos, e mantemos a nosa liberdade de exercer as accións legais oportunas ante as inxurias e calumnias recibidas.
En Vigo a 7 de xullo de 2025
Confluencia Movimiento Feminista, As Furias, As Silveiras, Mulleres Nacionalistas Galegas, Observatorio Feminista Galego, Partido Feministas Al Congreso, Plataforma do Feminismo Radical de Galicia e Asociación Feminista Redeiras

