Manifesto lido na concentración de Vigo o 21 de xuño de 2025
Compañeiras:
Hoxe saímos á rúa para esixir, alto e claro, a derrogación da chamada Lei Trans, unha norma inconstitucional, antifeminista e antidemocrática. Unha lei que non protexe, que borra o suxeito político do feminismo –as mulleres– e que pon en perigo á infancia.
Denunciamos que esta lei contradí o artigo 14 da Constitución Española, que recoñece a igualdade ante a lei e a prohibición de discriminación por razón de sexo. O sexo é unha realidade material, biolóxica e inmutable. Non se pode escoller, non se pode cambiar. Está en cada célula do noso corpo. Esta lei destrúe ese fundamento e substitúe o sexo pola autoidentificación, legalizando que calquera home se declare muller.
Sabemos o que isto significa: que os dereitos conquistados polas mulleres deixan de ter sentido. Se calquera pode ser muller con só dicilo, quen protexe as nosas políticas de igualdade? Que acontece cos espazos seguros para mulleres? Que sucede co deporte feminino? Que pasa coa loita contra a violencia machista? Se o agresor se declara muller, deixará de contar como violencia contra as mulleres e a súa vítima perderá o seu dereito a ser protexida.
Esta lei aprobouse sen debate, por vía de urxencia, sen escoitar ás expertas, sen valorar as consecuencias. A voz do feminismo foi silenciada. E agora, cando sinalamos os perigos, ameázasenos con sancións, con multas, con acusacións de odio. Iso non é democracia, iso é imposición ideolóxica.
En Galicia, a situación é moi grave. A Xunta puxo en marcha, nas escolas e institutos, protocolos educativos que introducen a idea de que o sexo pódese cambiar, que hai comportamentos “de nena” e “de neno”, que o corpo pode estar equivocado. Nas aulas do noso país, están sementando confusión na infancia, sen base científica e sen contar coas familias.
O profesorado está obrigado a “detectar alumnado trans” e iniciar procesos de transición social sen necesidade de informar ás nais e pais, que poden mesmo perder a custodia se se opoñen. Esta realidade xa está ocorrendo aquí, nas nosas escolas.
No ámbito sanitario, a Consellería de Sanidade autorizou un protocolo para atención primaria que permite iniciar tratamentos de hormonación sen avaliación psicolóxica previa, sen analizar as causas do malestar, sen ofrecer alternativas terapéuticas. Iso non é coidar, iso é experimentar con menores.
A lei trans abre as portas á industria do xénero, que fai negocio coa saúde da infancia e da mocidade, especialmente das nenas e mozas, que rematan mutiladas, esterilizadas e medicadas de por vida.
Todo isto fíxose ás costas da cidadanía, sen consulta pública, sen transparencia, sen participación profesional nin social. Mentres outros países europeos –como Suecia, Finlandia, Reino Unido ou Francia– recoñecen os erros e dan marcha atrás na hormonación de menores, aquí seguimos acelerando cara ao desastre.
Non o imos permitir. Porque somos feministas. Porque non aceptamos que se borre as mulleres. Porque non aceptamos que se destrúan os dereitos das nenas e dos nenos. Porque ninguén nace nun corpo equivocado.
Por iso, hoxe estamos aquí para esixir ao Tribunal Constitucional que declare inconstitucional esta lei. Para esixir ao Goberno español a súa derrogación inmediata. Para esixir que a Xunta de Galicia retire os protocolos educativos e sanitarios que ameazan os dereitos da infancia e os dereitos das mulleres.
Demandamos aos grupos parlamentarios do Parlamento Galego a derrogación de toda a lexislación de competencia autonómica que permite os protocolos en centros educativos e sanitarios:
- Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. Todos os seus artigos referentes á «transexuais o transxénero».
- Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero de 2016.
- Recomendacións para a atención sanitaria na atención primaria das persoas trans no Servizo Galego de Saúde de 2025.
- Protocolo para o cambio de nome de estudantado trans da USC.
- Protocolo para o cambio de nome de estudantado trans da UVigo.
Esiximos o cumprimento íntegro da axenda feminista. Esiximos políticas públicas baseadas na realidade, na ciencia e nos dereitos das mulleres, non en dogmas ideolóxicos.
Porque o feminismo galego non cala. Porque o feminismo galego resiste. Porque estamos fartas.
Abaixo a Lei Trans! Derrogación xa! Viva a loita feminista!

