No século XXI descubrimos, por fin, que é unha muller
Este mércores 16 de abril de 2025, o Tribunal Supremo do Reino Unido pronunciou unha sentenza que podemos cualificar de histórica pola súa transcendencia para a loita feminista, aínda que nos dá moito que reflexionar sobre a deriva distópica da sociedade contemporánea, en que todo un Tribunal Supremo debe terzar sobre obviedades que antano pertencían ao ámbito do ensino primario. E é que a sentenza establece con rotundidade que a categoría “muller”, tal como se recolle na Lei de Igualdade do goberno de Escocia, debe ser entendida nun sentido biolóxico, é dicir, deixando fóra aos varóns que se autoperciben mulleres, por máis que estes varóns dispoñan dun “certificado de recoñecemento de sexo”, isto é, que cambiaran o seu sexo rexistral. A sentenza, ditada coa unanimidade dos tres xuíces e dúas xuízas do Tribunal, pódese consultar aquí.
É importante sinalar que esta sentenza é un triunfo do feminismo escocés, xa que a apelación contra as normativas do goberno de Escocia en relación á inclusión de homes transfemininos no termo “muller” foi presentada polas bravas mulleres do grupo feminista For Women Scotland, honrando o lema Women Won’t Wheesht (As mulleres non van calar), que o feminismo escocés leva xa anos empregando na súa loita incansable contra as agresivas políticas transxeneristas do seu goberno.
Mais esta sentenza do Supremo británico é sumamente relevante para o feminismo no seu conxunto, xa que avala as reivindicacións do movemento feminista internacional, ao reclamar que nas leis, normas e procedementos para os que é relevante o sexo como unha categoría que é causa e orixe de múltiples discriminacións, esta categoría só se poida interpretar como referencia ao sexo biolóxico. Isto é, o Tribunal recoñece que o sexo importa e que as mulleres precisan medidas específicas porque son o suxeito dunha opresión baseada na súa condición biolóxica, non nunha identidade sentida. A sentenza terá repercusións importantes para as mulleres británicas en ámbitos como os deportes, os espazos exclusivos para mulleres (aseos, vestiarios, refuxios, cuartos de hospital, prisións…) ou os espazos de representación, como as listas electorais, onde un home transfeminino non poderá ocupar o espazo dunha muller, como viña sendo o caso.
A ideoloxía transxenerista leva anos impoñendo unha visión da realidade negacionista da bioloxía e orientada a borrar a categoría “muller” e os dereitos baseados no sexo, poñendo en perigo os escasos avances producidos neste ámbito tras décadas de intensa loita feminista.
Ben sabemos cal é a situación no Estado español tras a aprobación da chamada “Lei trans”. Redefiniuse o termo “muller” e todo o que ten que ver coa realidade social, política e simbólica das mulleres. Hoxe en día, a categoría “muller” inclúe calquera identidade ou subxectividade que se vincule, aínda que sexa minimamente, cos estereotipos asociados ao feminino. Esta dilución conceptual non afecta, curiosamente, á palabra “home”, que segue a manter unha definición ancorada no sexo biolóxico sen cuestionamento ningún. Esta asimetría revela que o que realmente se está a cuestionar é a existencia mesma das mulleres como clase política e como realidade material. Negar a categoría “muller” é negar o sexo como base da nosa opresión e, con iso, negar a existencia do sexismo. E se se borra o suxeito do feminismo, tamén se deslexitiman as políticas públicas que foron deseñadas especificamente para combater a desigualdade que sufrimos polo feito de sermos mulleres.
Debemos evitar caer na manipulación: isto en ningún caso supón negar a dignidade das persoas transexuais, porque os seus dereitos como persoas están plenamente garantidos pola lei. As discriminacións contra este colectivo deben ser corrixidas, pero nunca a costa dos dereitos das mulleres e das nenas, que conforman a metade da poboación mundial.
Non se pode construír a igualdade real negando a realidade material que xustifica a súa existencia. O feminismo naceu como resposta a unha opresión concreta e baseada nun feito obxectivo: nacer muller. Substituír ese criterio por un sentimento subxectivo borra a metade da humanidade como suxeito político e vulnera, de facto, os dereitos que tanto custou conquistar. A defensa dos dereitos das mulleres non pode depender da lexitimación de identidades alleas, senón do recoñecemento da existencia das mulleres e da súa opresión específica.
Dende As Silveiras parabenizamos as compañeiras escocesas de For Women Scotland polo seu éxito e confiamos en que a sentenza do Tribunal Supremo británico sexa un paso adiante na rectificación da lexislación transxenerista a nivel global. Mentres iso suceda, nosoutras, como elas, tampouco imos calar.
N.B. A imaxe que ilustra este artigo, e que recolle o lema do feminismo escocés, é obra da artista visual británica The Famous Artist Birdy Rose, cuxa obra se pode consultar e adquirir na súa páxina web (aquí).
