Ata que os coidados nos separen

Durante o ano 2024, dúas mulleres en Galicia foron asasinadas por aqueles a quen coidaban. Unha delas morreu a mans do seu irmán, outra a mans do seu fillo de 21 anos e a terceira, que faleceu recentemente, perdeu a vida tras ser brutalmente agredida polo seu propio fillo. Todas estas mulleres compartían unha realidade común: asumiron a responsabilidade dos coidados de familiares con problemas psiquiátricos, unha tarefa que en moitos casos realizan as mulleres en solitario e sen apoio suficiente dos servizos sociais.
A feminización dos coidados é unha realidade innegable. Son as mulleres quen, de xeito sistemático, cargan coa responsabilidade de atenderen a familiares con enfermidades mentais, discapacidades ou dependencias. Fano por amor, por deber ou, simplemente, porque a sociedade as coloca nese rol de xeito automático. Porén, esta entrega absoluta pode converterse nunha condena cando a falta de apoio institucional e de recursos transforma a responsabilidade nun risco real para as súa vidas.
Os servizos sociais non ofrecen as respostas axeitadas ante situacións tan complexas como as que implican o coidado de persoas con transtornos psiquiátricos graves. Moitas veces, estas mulleres coidadoras atopan portas pechadas, burocracia interminable e unha falta absoluta de recursos. A solución habitualmente vén de mans da resistencia e sacrificio persoal, ata que o esgotamento físico e emocional fai insostible a situación e, nalgúns casos, ésta resólvese dun xeito tráxico.
O patriarcado impuxo a idea de que os coidados son unha obriga natural das mulleres. Este mandato social leva implícita unha carga de culpa que impide que moitas se atrevan a reclamar axuda ou a recoñecer que non poden con todo. Ademais, a violencia dentro do fogar, cando vén de fillos ou irmáns con problemas mentais, adoita quedar invisibilizada ou minimizada, o que contribúe á cronificación da situación de perigo.
Fronte a esta realidade, é urxente unha resposta estrutural e feminista. É necesario reforzar os servizos de apoio ás coidadoras, garantir unha atención integral e efectiva para as persoas con doenzas mentais e, sobre todo, recoñecer que os coidados deben ser unha responsabilidade compartida pola sociedade no seu conxunto.
A violencia machista ten moitas caras e unha delas é a que sofren as mulleres atrapadas nunha roda de coidados que as condena á soidade e, nalgúns casos, á morte, ante a falta de compromiso social e institucional.
Os coidados non poden seguir sendo unha condena. É hora de transformar a realidade e garantir que ningunha muller máis perda a vida pola falta de apoios e pola invisibilidade desta forma de violencia machista, que segue latente no silencio das nosas casas.

Moi bó artigo.