As Silveiras solicita a rectificación da campaña contra a violencia machista do Ministerio de Igualdade

Como organización comprometida co abolicionismo e a erradicación de todos os xeitos de violencia machista, expresamos o noso estupor fronte á mensaxe transmitida na recente campaña publicitaria do Ministerio de Igualdade. No seu intento de visibilizar a gravidade da violencia machista, a campaña, emprega unha narrativa que pode interpretarse como a equiparación do asasinato cunha suposta forma de “amor extremo”, o cal consideramos rotundamento inadecuado e contraproducente.
Ao contrario do que se pode interpretar nesta campaña, a violencia machista non xorde do amor, senón do afán de control, dominación e sometemento que o agresor exerce sobre a vítima. Presentar a agresión ou asasinato como unha consecuencia de sentimentos amorosos, aínda que sexa en ton irónico, non só resulta inapropiado, senón que tamén contribúe a perpetuar mitos e malentendidos que obstaculizan a comprensión real do problema.
Por tanto, solicitamos ao Ministerio de Igualdade que:
1. Rectifique publicamente a mensaxe e aclare de forma contundente que os malos tratos e o feminicidio non son expresións extremas de amor, senón actos criminais baseados no machismo, a deshumanización e a negación da autonomía das mulleres.
2. Revise e retire das canles oficiais calquera narrativa que poida levar a interpretacións erróneas ou que non cumpra co obxectivo de sensibilizar, concienciar e mobilizar á sociedade contra a violencia de xénero.
3. Impulse campañas de comunicación máis efectivas e responsables, nas que o foco se poña na prevención, a educación en igualdade, a necesidade de intervención temperá e o apoio integral ás vítimas, sen recorrer a comparacións nin ironías que poidan desvirtuar a mensaxe.
Consideramos urxente que a narrativa que rodea a violencia machista se constrúa con rigor e a claridade e a ética que a sociedade esixe. Toda campaña pública debe contribuír a desmantelar as crenzas que xustifican a violencia, e non fomentar estereotipos ou malentendidos que poidan confundir, desensibilizar ou ferir as vítimas. Confiamos en que o Ministerio de Igualdade saberá asumir a súa responsabilidade e corrixir o rumbo desta campaña, reafirmando o seu compromiso coa loita real e efectiva contra a violencia machista.
