Moción pola abolición da prostitución
Este luns 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, As Silveiras, co apoio das compañeiras da asociación feminista As Furias, presentamos unha moción no rexistro do Concello de Vigo solicitando medidas abolicionistas para a cidade, despois de que xa pasaran varios anos da adhesión de Vigo á Rede de Cidades Libres de Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos destinados á Prostitución, sen que o goberno municipal teña manifestado un compromiso decidido coa loita contra a explotación sexual das mulleres.
Compartimos con todas vós o texto da nosa moción, para que coñezades as peticións que lle fixemos chegar á Corporación municipal de Vigo.
Texto da moción
A asociación feminista abolicionista As Silveiras, con NIF G70779251 e número de inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións 1451-24,
====
EXPOMOS
Que con data de vinte e catro de novembro de dous mil dezasete foi presentada por parte do Grupo Municipalde Marea de Vigo, e na súa representación por Dª Margarita López Barreiro (rexistro 1655/1101), unha moción pola que se instaba á adhesión desta cidade á “Red de Ciudades Libres de Tráfico de Mujeres, Niñas y Niños Destinados a la Prostitución”, así como á adopción de medidas abolicionistas e outros acordos complementarios.
Que a devandita proposta foi aprobada polo pleno do vinte e nove de novembro de dous mil dezasete por unanimidade das vinte e catro persoas da corporación presentes do total de vinte e sete que a constitúen de dereito e feito.
Que coa adhesión a esta rede cada cidade se compromete non só a unha declaración téorica e formal, senón a levar adiante unha serie de accións encamiñadas a que esa adhesión sexa útil e efectiva cara á erradicación da prostitución, como manifestación máis extrema da violencia machista.
Que dende o ano 2017 non se deseñou campaña algunha para sensibilizar a poboación sobre a prostitución e a pornografía coma un xeito de explotación sexual das mulleres e, polo tanto, un xeito máis de violencia machista.
Que dende que o Pleno da corporación viguesa aprobou a incorporación de Vigo á Rede de Cidades Libres de Prostitución, foron varias as intervencións da UCRIF para pechar locais nos que se exercía a explotación sexual das mulleres. Nalgún caso, estes locais eran pechados por segunda vez e existían denuncias previas por parte da veciñanza do que neles estaba a acontecer. Malia este coñecemento, non se realizou unha revisión da súa licenza.
Que ao longo destes anos, municipios como Sevilla (2017), Silla (2023), León (2023), Calp (2024) ou Massamagrel (2024) aprobaron ordenanzas abolicionistas da prostitución.
Vigo non figura entre elas.
As ordenanzas abolicionistas abordan a prostitución coma un acto que vulnera os dereitos fundamentais e as liberdades das mulleres prostituídas. Unha ordenanza abolicionista é unha acción política que ten como finalidade promover, dentro das competencias municipais, a erradicación da prostitución e outros xeitos de explotación sexual nos concellos. O contido dunha ordenanza abolicionista vai xirar arredor de tres eixes:
1º. O recoñecemento das mulleres prostituídas coma vítimas de violencia de xénero ou violencia machista.
2º. A elaboración dun plan de acción integral que conteña medidas para que as mulleres protituídas poidan aceder a recursos e servizos que lles permitan saír do sistema prostitucional: apoio económico, social, laboral, formativo, sanitario e psicolóxico.
3º. A persecución de proxenetas e a sanción da demanda, é dicir, dos putañeiros, sen que en ningún momento as mulleres prostituídas poidan ser obxecto de sanción.
En conclusión, sete anos despois da incorporación de Vigo á “Red de Ciudades Libres de Tráfico de Mujeres, Niñas y Niños Destinados a la Prostitución”, esta cidade carece ―ou cando menos descoñecemos a súa existencia―, dunha acción política concreta destinada á abolición da prostitución, na que se inclúa un plan de acción integral dirixido ás mulleres prostituídas, así como de calquera outra estratexia que permita executar o compromiso como municipio adherido a esta rede.
Pola contra, existen nesta cidade rúas céntricas onde as mulleres son expostas para o seu abuso e consumo por prezo a plena luz do día e baixo a mirada da veciñanza. Por exemplo, a avenida do Berbés ou a rúa Cruz Verde. A esto hai que sumarlle distintos locais de “ocio” dedicados á prostitución.
A pregunta que nos deberiamos facer é se hai persoas que teñen dereito a mercar a outras persoas. A resposta é clara, a pesar de que vivimos nunha sociedade na que todo se compra e se vende. Non existe o dereito a mercar persoas, pero si o dereito a unha vida digna, sen estar expostas a tratos degradantes, a unha vida libre de torturas físicas e psicolóxicas. Existe o dereito a unha sexualidades sana, sen violencia, voluntaria, en igualdade de condicións, non baseada no sometimento dunha das partes, neste caso as mulleres.
A prostitución afecta a millóns de persoas, maioritariamente mulleres, nenas e nenos en contextos de pobreza e falta de oportunidades. O turismo sexual é unha actividade de ocio máis en Vigo. Non hai máis que acudir a Google Maps e ler as reseñas dos putañeiros que se pasan polos locais desta cidade onde se exerce a prostitución baixo a falsa actividade de “masaxes terapéuticas”.
As ordenanzas abolicionistas constitúense nun instrumento político máis para erradicar a explotación sexual de mulleres e nenas, ademais de para cambiar a idea do sexo como unha actividade de ocio, para educar en igualdade e orientar a sociedade sobre que actos son tolerables e cales deben ser considerados como reprobables. Non é humano nin digno que en pleno século XXI, un putañeiro agreda sexualmente a unha nena en contexto de pobreza e non reciba reprobación penal nin social.
Estas son algunhas das situacións acontecidas nesta cidade dende a súa inclusión na “Red de Ciudades Libres de Tráfico de Mujeres, Niñas y Niños Destinados a la Prostitución”:
====
Ano 2024

Neste caso a detida xa estivera implicada noutra operación policial. Sería interesante clarificar con que tipo de licenza contaba e por que se lle concedeu, tendo en conta os seus antecedentes.
====
Ano 2023


====
Ano 2022

====
Por todo isto,
====
SOLICITAMOS
Primeiro. Que dende a Concellaría de Igualdade se nos informe de cales foron as medidas ou instrumentos empregados para a abolición da prostitución nesta cidade dende a aprobación en pleno da incorporación á “Red de Ciudades Libres de Tráfico de Mujeres, Niñas y Niños Destinados a la Prostitución”.
Segundo. Que dende a Concellaría se elabore, para a súa aprobación en pleno, unha Ordenanza Abolicionista da Prostitución, unha ordenanza que en ningún momento terá como obxectivo trasladar as mulleres prostituídas dunhas zonas a outras da cidade.
Terceiro. Que se elaboren campañas de sensibilización, prevención e condena da prostitución, coma un xeito de violencia machista en contra das mulleres.
Cuarto. Que se esixa á Xunta de Galicia a aplicación real e completa do Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, 2022-2024.
Quinto. Que se contemplen nos orzamentos do concello subvencións para aquelas organizacións con programas que teñan por obxecto proporcionar saídas ás mulleres en situación de prostitución.
====
FUNDAMENTOS DE DEREITO
1º. Ley Orgánica 1/2004, de 28 de diciembre, de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género.
2º. Le 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e Lei 12/2016, de 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado. Maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo feito mesmo de selo, por seren consideradas polos seus agresores carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión.
3º. Ratificación do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e la violencia doméstica, feito en Istambul o 11 de maio de 2011 (BOE, 6 de xuño de 2014).
4º. Constitución Española: artigos 9.2, 10, 15
A Constitución incorpora no seu artigo 15 o dereito de todas as persoas á vida e á integridade física e moral, sen que en ningún caso poidan ser sometidas a torturas nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Ademais, estes dereitos vinculan a todos os poderes públicos e só por lei pode regularse o seu exercicio.
A Organización de Nacións Unidas na IV Conferencia Mundial de 1995 reconoceu xa que a violencia contra as mulleres é un obstáculo para acadar os obxectivos de igualdade, desarrollo e paz e viola e menoscaba o goce dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Ademais, defínea amplamente coma unha manifestación das relación de poder historicamente desiguais entre mulleres e homes.
Os poderes públicos non poden ser alleos á violencia de xénero, que constitúe un dos ataques máis flagrantes a dereitos fundamentais como a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación proclamados na Constitución.
Eses mesmos poderes públicos teñen conforme ao disposto no artigo 9.2 da Constitución, a obriga de adoptar medidas de acción positiva para facer reais e efectivos dereitos, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude.
5º. Adhesión de España ao Convenio para a represión da trata de persoas e da explotación da prostitución allea, asinado en Lake Success, Nueva York, o 21 de marzo de 1950 (en vigor).
6º. Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal: Artículo 177 bis, no que se tipifica o delito de trata de seres humanos.
7º. Lei 35/1995 de 11 de decembro de Axuda e Asistencias a Vítimas de delitos Violentos e contra a Liberdade Sexual.
8º. Declaración Universal dos Dereitos Humanos proclamados pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de decembro de 1948.
9º. Informe do Parlamento Europeo sobre a regulación da prostitución na Unión: Repercusións transfronteirizas e impacto na igualdade de xénero e os dereitos das mulleres, 30 de agosto de 2023 (2022/2139(INI)). Comisión de Dereitos das Mulleres e Igualdade de Xénero (ponente: Maria Noichl)
Neste informe o Parlamento Europeo avoga por reducir a demanda e protexer a quen exerce a prostitución. O texto subliña que os Estados membros deben avaliar as normas existentes para evitar calquera lagoa que permita aos criminais actuar con impunidade, mentres que a Comisión debe desenvolver directrices comúns da UE que garantan os dereitos fundamentais das persoas que se dedican á prostitución.
