Decisións difíciles
Moitas veces se lles reprocha ás mulleres que sofren violencia non teren actuado antes. Non teren decidido romper con ese círculo antes de que fose demasiado tarde. A violencia machista non só afecta directamente ás mulleres, senón tamén ás súas crianzas. As decisións que unha muller enfronta cando se atopa nesta situación son extremadamente difíciles, con repercusións emocionais, legais e familiares.
Cantas mulleres están nesta toma de decisións neste momento? Parellas con crianzas nas que hai violencia machista, falta o respecto, hai incomprensión e unha carencia total de corresponsabilidade e de empatía. Que decisión tomar?
Con frecuencia, as mulleres ven só dúas opcións: dunha banda, aguantaren polos fillos para protexelos do maltratador. Isto lévaas a asumir unha vida de maltrato para elas e as súas crianzas que, ademais, recibirán un pésimo exemplo de comportamento masculino violento e tamén comportamento feminino de submisión e medo paralizante. Da outra banda, a separación, enfrontando aquí outra decisión difícil: denunciar ou non denunciar. Se non denuncian, ese maltratador quedará como unha persoa normal a ollos da sociedade e das propias crianzas, pero, como é un maltratador, vai seguir maltratando e, o que é peor, posiblemente lle dean a custodia compartida imposta, sometendo as crianzas a padeceren maltrato en soidade sen que a nai poida protexelas. E, se as mulleres deciden denunciar, teñen que poder probalo, a risco de enfrontaren contradenuncias e mesmo a perda da custodia das crianzas. Pero, ademais disto, teñen que ser cridas, teñen que ter cartos para pagar unha boa defensa e teñen que ter sorte para que quen debe impartir xustiza non sexa machista, que xa sabemos que a xustiza é patriarcal, con independencia do sexo da toga.
As decisións son individuais. Cada muller ten unhas particularidades de vida, vivencias e tempos que debemos respectar. O que queremos neste artigo é sacar da invisibilidade todo este sufrimento interno. E igual así entenderemos mellor por que moitas mulleres non denuncian ou non deciden separarse.
