A “Lei Trans”, contra as vítimas da violencia machista
A lei que permite o cambio de sexo rexistral ten un impacto directo na maneira en que se clasifican e tratan os casos de violencia machista.
A violencia machista está recoñecida como un problema específico que afecta ás mulleres polo feito de seren mulleres e corre o risco de ser invisibilizada cando o agresor pode reidentificarse legalmente coma muller.
Dende o feminismo levamos tempo avisando de que a chamada ¨lei trans¨ é prexudicial para as mulleres, ás que invisibiliza, facendo así imposible a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Unha das consecuencias máis graves da lei é o que se refire á violencia machista.
Un exemplo da extrema gravidade dos efectos desta lei é o acontecido na localidade de Redondela (Pontevedra), onde un home agrediu a súa parella, segundo recolleu a prensa recentemente. No momento en que a policía o foi deter por violencia machista, este home identificouse como muller diante dos axentes, como efectivamente testemuñaba o DNI que mostrou no momento da súa detención. O agresor tempo atrás cambiara o seu sexo rexistral.
Deste xeito, este caso de violencia machista pasou a ser un caso de violencia doméstica —unha pelexa entre dúas mulleres—. Agora supoñamos por un momento que dentro duns meses esta persoa asesina a súa parella. Que facemos? Gardamos minutos de silencio? Teñamos en conta que xa non se trataría dun acto de violencia machista, nin a muller asesinada sería considerada coma unha vítima desta violencia. Velaquí como se dilúe o delito.
Non son casos illados. Cada vez atopamos máis novas na prensa sobre homes que diante da xustiza eluden o delito de violencia machista porque meses antes do delito cambiaron o seu sexo rexistral.
No caso de Redondela, como noutros acontecidos no Estado, non se pronunciou ningún partido político, nin da dereita nin da esquerda. Cales serían as súas declaracións de producirse un asasinato?
As mulleres estamos SOAS. A violencia que está xerando esta lei leva a enfrontamentos entre as propias mulleres, algo que nunca debería ocorrer porque a violencia que se está a exercer sobre nosoutras é polo simple feito de sermos MULLERES.
É necesario volver ao rego, redebater agora cos feitos como argumentos e revisar e cambiar a lei para que os dereitos de protección das vítimas da violencia machista non se dilúan nunha maraña legal.
